Monday 29 de April de 2024

A Pobra pon en valor o labor dos equipos de seguridade e emerxencias cunha xornada de confraternidade


A Pobra do Caramiñal dálle a benvida ao mes de xuño coa I Xornada de Confraternidade da Seguridade e Emerxencias da comarca do Barbanza. Trátase da primeira edición dun evento que impulsa a Concellaría da Seguridade en colaboración coa Mancomunidade Barbanza Arousa e que busca consolidarse no tempo como un instrumento que redunde nunha mellora dos dispositivos a través do establecemento de sinerxías entre os diferentes corpos da contorna e a unificación de criterios nas intervencións por realizar, tal e como explicaron o alcalde e o concelleiro da Seguridade en funcións, Xosé Lois Piñeiro e José Andrés Lojo, respectivamente. Trátase dunha iniciativa que o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, cualificou como “moi positiva” ao permitir explora-los recursos humanos e materiais neste ámbito. Tamén estiveron acompañados do subdirector xeral de Planificación e Protección Civil, José Antonio Grandas, e da concelleira dos Servizos Municipais en funcións, Estefanía Ramos.

A xornada iniciouse neste día 1 cunha exhibición de medios á cal asiste durante toda a mañá máis de medio milleiro de estudantes dos distintos graos de ensinanza do municipio pobrense, así como persoas usuarias do CAD, Ambar e Amicos. Na praza Alcalde Segundo Durán concéntranse numerosos efectivos para explica-los recursos materiais dos cales dispoñen e as súas funcións: a Policía nacional, a unidade canina da Policía nacional, a Policía autonómica, a Axega, a Policía local da Pobra, a Protección Civil da Pobra e de Boiro, bombeiros, o distrito forestal IV, a Cruz Vermella, Tráfico e o 061.

Xa pola tarde chega o momento dos coloquios no Auditorio do Museo Valle-Inclán, a partir das 16.00 horas, e que están abertos ao público en xeral. Membros do distrito forestal IV impartirán Radiografía dun lume forestal. Deseguido, o subdirector xeral de Planificación e Protección Civil da Xunta, José Antonio Grandas Arias, falará sobre Mobilización de medios dispoñibles para afrontar unha emerxencia. Tamén haberá unha mesa redonda composta por un membro de cada equipo actuante ante unha emerxencia. Presentarase, ademais, o Plan de autoprotección do río das Pedras, elaborado pola Administración local pobrense.

A xornada concluirá no referido espazo natural no día 2 cun simulacro de lume forestal, evacuación e rescate, en horario de mañá.